24 fevereiro 2011

Cousas que sei




Estase movendo a industria da miña intuición:

a nena que fun vai três metros diante de min
tanguendo cunha vara a miña alma.

Estase precipitando a lentitude:

sobrevoo com paciência

unha ave rapaz
ata que descendo a deixarme comer as vísceras.

Estaseme acabando de fabricar
seda artesanal
no ventre.

Están os meus soños organizando o comité da noite

Están as criatura movendo as poleas do cometa
que pasa por onda nós cada mil anos.

Está a xeometria acomodándose para durmir
no teu último ângulo

todo o mundo sabe xa
que o meu corazón está feito pólo patrón da maquinaria agrícola.

E podo
arrancarme de min
tan suavemente
que apenas oirías que me marcho.

As miñas cicatrices falan
coma un huracán mudo.

Saio ó perigo como á chuvia
escoltada polos meus órganos.

Todo isto sei
e sen embargo…

Olga Novo