23 junho 2011

o dia que morreu steve macqueen

A Casa Charry (Praza da Galiza s/n - Oleiros) acollerá un acto presentación dos Q de Vian Cadernos que promove A Porta Verde do Sétimo Andar. Será o sábado 25 de xuño, a partir das 20 horas.

Contaremos co cantautor Miguel Alonso e coñeceremos, en primicia mundial, a novela de Kiko Neves 'O día que morreu Steve Macqueen. Unha novela de Xabi Ribax'.

O día que morreu Steve Macqueen. Unha novela de Xabi Ribax

KIKO NEVES
Fragmento:
'Ponteareas, ano mil novecentos oitenta. A dictadura seguía no seu máximo apoxeo: un alcalde falanxista, unxido dende o ano anterior por unhas eleccións tramposas ou democráticas (ao longo dos anos sigo sen entender as diferencias), e un párroco de sotana negrísima e verbo de veterano excombatente eran as referencias de poder e cultura.
Nove anos. Estudiaba quinto de básica no Colexio Sanxiao. Todo aquel tempo parado enzoufaba a poceira do Colexio Sanxiao. Disciplina franquista -por supostopara alunado masculino. O Colexio medrara sobre das pedras dun hospital republicano, o primeiro e último da comarca do Condado. Logo da Guerra Civil fora espoliado e ocupado polo exército durante os anos corenta: un primeiro paso para o establecemento dun centro de ensino con profesorado chegado da España vella de Burgos. O Sanxiao afondou as súas raizames entre os vilegos con arelas dun señorío de antergos que nunca existiu. A Ponteareas abouxada, fachendosa, de ridículas referencias nacionalcatolicistas, depositaba os seus fillos entre o Colexio Sanxiao e o Colexio das Freiras, a versión feminina da mesma poceira.'