06 agosto 2011

/proceso a carne humana/

Mima a túa intimidade, humano. Que vimos.
Turbas dispostas a examinar a túa crudité en carne -viva
demasiado viva- a declamar “cerebro!” todos a un tempo
humano
cun candil ata esas túas
catacumbas do teu cranio
a reiniciarte mil e unha veces -pero qué
ti logo qué crías-
coas súas noites todas dos seus días
que vimos moi, moi dispostos.

/Calade un pouco. Estades máis bos
caladiños/

Pero que crías que era isto. Mira onde queiras:
un exército armado de poetas
un universo clonado nun multiverso
do que, francamente, querida, non podo lembrarme.
Redeiras nos peiraos da túa memoria descárganse agora
a túa infancia.
Downloading, a túa infancia.

Ricas. Saborosas as infancias. Ñam. Qué adictos que somos.
Oh, perdoade a carne que nos col
ga
en cabal
ga
da en versos vellísimos. Podres de nós!
Non podemos evitalo: prestádesnos tanto:
así, de perfil e arrepío e canto
así, entre radioactivos e pitagóricos
así, sexis, si, melancólicos, tamén
/tan lendo tan lenda tan lidos
coa vosa cara de póker sobre unha chea de ósos/
Humanos, ai, humanos.

Xa estamos aquí para. Xa viñemos.

Sorbetes de miolos que estremecen de tolemia. Ai, silicios!
Estades fodida
mente
bos

Estibaliz Espinosa