05 outubro 2011

Alfaias ocultas



Fanme chegar dende as terras irmás surmiñotas o excelente poemario As linhas não existem, publicado pola plataforma creativa Incomunidade, da que participan tamén diferentes poetas de Galicia.
As linhas não existem é obra de Joana Espain Oliveira (Porto, 1977), doutora en Física e docente universitaria que nos últimos tempos ten desenvolvido un amplo labor literario que desembocou na publicación deste seu primeiro libro.
Nos versos de Espain hai unha enxeñería xeométrica de desusada intensidade emocional. A súa é unha escrita de tanxentes sentimentais, de vida que esvara polos rectas que nos comunican, que serpea as paralelas que nos enfrontan e se reconcilia co esférico perímetro no que nos (auto)recoñecemos.
Como en tantas outras poéticas, Amor e Tempo van dialoxicamente da man, pois ambos os dous son as xeografías nas que acontece o fluír vivencial que se baliza na memoria do tempo que foxe e o eros irrenunciable que tira de nós.
Os poemas en prosa alternan cos versos curtos e as series poéticas neste As linhas não existem de Joana Espain, inmellorable exemplo de que cómpre abrir os ollos e ver alén das nosas fronteiras para descubrir espellos nos que mirarnos, alfaias ocultas.